Introducción
O país denominado actualmente Rusia é en realidade un estado de recente aparición (a principios dos anos noventa foi cando se declarou independente) que tivo e segue tendo hoxe en día gran protagonismo no ámbito internacional pola súa importancia a nivel político, económico e diplomático, ocupando así un posto clave nas relacións entre as diferentes nacións do mundo.
No en tanto, a pesar de ter acadado a independencia hai pouco, escindíndose da antiga Unión Soviética ao igual que moitas outras repúblicas independentes actuais, este país conta cun pasado moi particular e curioso, no cal mistúranse elementos asiáticos e europeos, épocas de conservadurismo extremo con períodos de cambio total, tempos de guerras con temporadas de benéfica paz e unha diversidade de xentes, pobos, culturas, linguas, tradicións, costumes e un senfín de características máis que, todas xuntas elas, formaron e forman parte do percorrido histórico non só deste país, senón daqueles outros que, contando hoxe en día co seu propio estado, compartiron décadas, incluso séculos de pasado común, co país máis extenso do planeta terra.
Historia
A historia rusa pódese remontar a hai dous milenios, cando os territorios actuais, sobre todo os da Siberia asiática, non eran senón enormes extensións conxeladas onde non habitaba case ninguén, e que servían como terra de paso para os numerosos pobos nómadas, coma escitas e hunos (estes últimos famosos por térense enfrontado ao Imperio Romano hai 1500 anos).
Pero, arredor dos séculos VIII-IX, os vikingos, que comezaban a facer incursións por toda Europa Occidental, adquirindo a fama de pobo terrible e bárbaro que aínda perdura hoxe en día, emigraron cara o leste na procura de novas terras que habitar, servíndose dos longos ríos navegables da estepa rusa, tales coma o Volga, o Don ou o Dniéper, e instalándose nas terras máis fértiles do sur, sobretodo aquelas que conforman o actual estado de Ucrania.
Estes emigrantes instalados nos novos territorios e provintes de Escandinavia foron denominados “Rhos” ou “Rus”, termo que, se nun principio só se aplicou aos que eran de ascendencia escandinava, os varegos, de orixe sueco-danesa, pasou co paso do tempo a extenderse a todos os habitantes do territorio, tanto ós xa mencionados coma ós habitantes seculares orixinais, os eslavos.
Os Rus fóronse conformando en países, entre eles o máis importante o chamado Estado Rus de Kiev, con capital na cidade do mesmo nome, que chegou a ser o máis grande do continente, servindo de intermediario entre as rutas comerciais de Europa e Asia.
A apertura de novas vías de comercio con Oriente tralas cruzadas no séc XII contribuíu á ruína económica e á desfragmentación do país de Kiev, que se atomizou en pequenas repúblicas, a máis importante a de Novgorod, situada na actual Estonia, que chegou a conformarse coma a cidade comercialmente máis importante do leste de Europa.
No século XIII os mongois invadiron Rusia establecendo o seu dominio por case toda a estepa, a excepción de Novgorod, que logrou aguantar os ataques resistindo ao invasor.
Os mongois, para seguir controlando os lonxanos e complicados territorios rusos, decidiron denominar un supervisor para que controlase a lealdade das cidades no seu protectorado europeo.
Este foi o gobernador de Moscú, que se ben nun principio era o vasalo favorito do emperador asiático, pouco a pouco foi adquirindo máis importancia e máis independencia do poder central, até que no 1462, tendo un poder na práctica totalmente autónomo, o gobernador Ivan III proclamou o principado de Moscú como entidade independente do poder mongol, iniciando unha campaña militar coa que comezou a ampliar enormemente os territorios moscovitas, anexionando despois dunha longa campaña a cidade de Novgorod, única rival de ascendencia rusa que lle facía fronte.
A partir deste momento Moscú non faría máis que seguir a acumular territorios ao longo da era moderna, enfrontándose tanto a reinos mongois do oriente nados da desfragmentación do Imperio creado por Gengis Khan (chamados kazakos) coma ás cidades libres do Báltico e ó Imperio Otomano no Mar Negro.
Son destacables varios momentos clave na historia moderna do Imperio Ruso antes da Primeira Guerra Mundial:
- O goberno de Ivan IV o Terrible (1533-1584), neto de Ivan III, famoso por ter derrotado aos poderosos kazakos de Kazán e Astrakán no Oriente, consolidando definitivamente o Imperio ruso e derivando como consecuencia deste feito a creación dun estado multiétnico con carácter claramente imperialista; terse proclamado “zar” e sucesor do caído Imperio Bizantino, orixinando isto o embrión do patriotismo ruso, os inicios dun ideal que preconizaba a instauración de Rusia como estado grandioso no mundo, a gloria da patria e a defensa da Nación; e ter instaurado a monarquía absoluta no país, acabando co poder dos boyardos, nobres-comerciantes rivais da coroa que competían polo control dos territorios co monarca e eran considerados por Ivan como “unha traba á unidade da patria”. En definitiva, que Ivan IV consolidou o Estado Ruso con capital en Moscú.
- A guerra civil trala morte de Ivan IV, na cal ao final caeu a antiga dinastía rurídika (creada por Rurik, fundador de Moscú, no séc. IX, e finada trala morte de Vassili, fillo de Ivan IV, a finais do séc XVI), que foi sucedida por outra nova, a Romanov, cuxo primeiro soberano foi Miguel I, monarca que buscou “europeizar” Rusia e que fracasou en parte no seu intento.
- A anexión dos territorios turcos na península de Crimea a finais do séc XVIII pola carismática zarina Catalina II.
- A fracasada invasión Napoleónica de Rusia a principios do XIX, despois da cal Rusia logrou anexionarse extensos territorios polacos e finlandeses.
- As grandes conquistas asiáticas dos últimos catro zares, que acabarían definitivamente trala guerra ruso-xaponesa de 1905, con gran derrota para o bando ruso tanto en termos económicos como militares.
- A revolución de 1905, orixinada polas protestas populares da guerra e da mala situación económica e maila influencia das ideoloxías liberais, marxistas e anarquistas, que acabou nun lixeiro aumento das liberdades democráticas por parte do goberno zarista, pouco convincentes.
Rusia, a principios da Primeira Guerra Mundial (1914-1918) era un país atrasado tanto na súa economía coma no seu réxime político e social.
As masas campesiñas, que conformaban máis do 80% da poboación, seguían traballando as terras coas mesmas técnicas primitivas de había séculos, pagando tributos feudais aos señores nun estado industrialmente moi desfasado que aínda seguía cun goberno autocrático, no cal o zar gozaba de poder absoluto sobre os seus súbditos, e onde as ideas liberais non se reflexaban apenas no sistema.
Trala guerra mundial o país, que comezou a sufrir grandes perdas territoriais e poboacionais, revoltouse contra o goberno, e tras unha serie de revolucións e unha guerra civil os bolcheviques, socialistas autoritarios e integristas, defensores da dictadura do proletariado, impuxéronse aos demais bandos ideolóxicos: zaristas, liberais burgueses, anarquistas e socialistas moderados, e forzaron ao país enteiro a aceptar a dictadura dun partido único, reformas económicas brutais e cambios sociais bruscos.
Os bolcheviques lograron que todas as nacionalidades do antigo Imperio Ruso seguisen estando unidas nun só país, ó que denominaron a URSS, a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas, un país que xa non só non levaba o nome específico dunha nación, senón que portaba o apelativo dun proxecto político con amplas miras, o soviético, e que daba por suposto que ese adxectivo era o suficientemente válido para seguir mantendo un imperio preexistente.
A URSS naceu en 1922, e morreu en 1991.
A historia deste estado débese relatar como o ascenso dun país en crise, destruído tras unha guerra mundial e outra civil, ao rango de superpotencia mundial nos anos corenta, e o posterior relato da súa decadencia en termos económicos ata a súa fragmentación a finais do milenio.
Esta nación ideolóxica con nome artificial é unha auténtica lección de historia, pois non só nos mostrou como un réxime político defensor da igualdade social e dos dereitos de clase se corrompeu, dando lugar a unha dictadura feroz, a do dictador Stalin, causante da morte de 50 millóns de persoas tanto en purgas civís e políticas como na Segunda Guerra Mundial, senón que tamén impactou nas ideoloxías e países do resto do mundo, causando medo e terror nas clases burguesas, admiración nos revolucionarios máis radicais e directos e un certo desánimo nas ideoloxías de esquerda máis moderadas, que temendo unha ola de violencia e de terror igual que nese país, derivaron cara posturas máis reformistas, fundando movementos que propugnaban cambios paulatinos na busca de mellorar pouco a pouco as condicións da clase obreira, mediante a chamada ideoloxía socialdemócrata, xeradora do actual estado do benestar que impera no occidente de Europa.
O sistema represivo, ecléctico e estancado caeu polo seu propio peso.
Cada república adquiriu case de inmediato a súa propia liberdade, durante tanto tempo aprisionada. O cárcere soviético abriuse, e as nacións oprimidas pasaron a ser libres, entre elas Rusia.
Rusia actual
O estado ruso hoxe en día existente é un enorme país con máis de 17.000.000 de quilómetros cadrados de superficie, 20.000 de fronteiras terrestres e 37.000 de costa, conformándose así coma a nación máis extensa do mundo.
O seu ámbito xeográfico está poboado por llanuras esteparias no norte e arbóreas no sur, tundra nas costas septentrionais, cadeas montañosas nas fronteiras meridionais e longos e grandes ríos significativamente navegábeis, todo isto nun clima extremadamente frío.
O país ten aproximadamente 150 millóns de habitantes (11 millóns na capital), gran parte deles acumulados na Rusia europea, e actualmente sofre un crecemento negativo da poboación que pode afectarlle no futuro debido á dificultade actual de criar fillos, desequilibrio de xénero, alcoholismo e tabaquismo… etc, entre outras causas herdadas en parte pola crise da transición do sistema comunista ao capitalista.
A moeda oficial é o rublo. A renta per cápita son 11.100 dólares. As principias industrias son a minería, maquinaria agrícola, textil, defensa…etc. A lingua falada principalmente é o ruso, anque hai outras cen linguas máis, a maioría en perigo de extinción.
É un estado multiétnico debido á súa expansión histórica (invasións de pobos diferentes) e ás inmigracións, por un lado, de poboación rusa a Siberia e, polo outro, doutros países cara Rusia. Así podemos atopar non só rusos, senón tayikos, tártaros, osetianos, chubascos, baskires… e persoas que practican culturas doutros países xa independentes, coma lituanos, mongois, ucranianos, alemáns… etc.
Rusia é un estado federal con diferentes tipos de provincias e rexións, algunhas con moitísima autonomía do poder central e outras menos. O sistema político declárase laico, anque a Igrexa Ortodoxa é a comunidade relixiosa máis importante, convivindo con outras minoritarias coma xudaísmo, islamismo, budismo, outras correntes cristiás…etc
A cultura dominante na antiga URSS era a rusa, por ser esta máis numerosa, máis poderosa e máis influinte cás demais repúblicas, e tamén porque foi tomada como modelo para a creación do novo concepto de cultura soviética, segundo a cal a nova nación soviética tomou a este país como referente para a rusificación das demais repúblicas e a creación dunha cultura común única.
Non fai falla dicir que os movementos nacionalistas das zonas minoritarias foron sistematicamente reprimidos, e a arte estivo totalmente submetida ao realismo socialista propugnado polo estado soviético, co obxectivo de facer propaganda do propio sistema e exaltar os valores comunistas do traballo, do partido e da patria.
Para finalizar, vou facer unha referencia ao deporte. Só mencionar que o atletismo é considerado en Rusia coma a actividade máis importante e beneficiosa de todas (de forma especial no tenis e na ximnasia), anque adoptáronse outros deportes coma o fútbol e o rugby, estranxeiros, e algún incluso non moi usado pero coñecido por ser o famoso Kasparov un experto nesta materia: o xadrez. E tamén que o país apenas ten participado nas Olimpiadas (só participou en 1908 e 1912, e desde 1996 a 2004) pero que xa destaca polo gran número de deportistas provintes deste país que teñen gañado medallas de bronce, de prata e de ouro, honrando desta maneira á nación á cal pertencen.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
Vaia artigo máis interesante!
Rusia e verdadeiramente un país complexo e interesante. Desgraciadamente normalmente só se fala da súa historia a partir do século XIX.
A información dada e clara e concisa pero tal vez estea redactada dun xeito moi parecido ao dos libros de texto.
No entanto pareceme unha idea moi interesante o feito de ter un blog de historia en internet.
Teremos dentro de pouco un novo artigo?
Ánimo!
Publicar un comentario